Descripción
Trece pezas musicais, coas que o artista se mergulla nos ritmos galegos para atopar diferentes sonoridades, contando para elo coas colaboracións de Álvaro Iglesias ao contrabaixo e a voz de María Solleiro.
O título do traballo fai referencia a unhas moedas acuñadas na época do antigo Reino de Galicia. Estas moedas, ademais doutros moitos tesouros, agochábanse segundo a mitoloxía popular baixo os castros e as mámoas, onde os seus donos os mouros vivían e mantiñan tratos cos homes.
Pancho Álvarez, músico recoñecido na escena galega, é un multiinstrumentista que domina os instrumentos de corda, ademais dun excelente cantante. Nos seus traballos combina a tradición coa súa propia bagaxe musical, dándolle a todos eles un son fresco e cheo de matices e ofrecendo unha espectacular visión das vellas tradicións, pero dun xeito moderno e actual.
O músico porriñés deuse a coñecer como violinista do grupo “Na Lúa” a comezos dos anos 80. A partir de 1993 entraría a formar parte do desaparecido grupo “Matto Congrio”. Ademais de ser un asiduo colaborador de Carlos Núñez, no ano 1998 publicou o seu primeiro traballo en solitario, “Florencio, o cego dos Vilares”, onde recollía a tradición dos cantares de cego facendo unha sentida homenaxe ao último dos violinistas cegos. No 2001 sairía o mercado o seu segundo traballo, “Nas cordas.”
Reseñas
Aínda non hai valoracións.