Descripción
“Alalá do Cebreiro” (2009 PAI Música). Baixo este titulo xenérico sae a luz o segundo traballo discográfico de Brañas Folk, agrupación liderada por Manuel Brañas desde o ano 2002 e despois da sua andadura coa célebre agrupación “Arco da Vella”; partícipe xunto aos grandes nomes da música galega do que foi o auxe da música folk en Galicia aló polos anos oitenta.
Con “Alalá do Cebreiro” atopámonos cun traballo musical aberto, como se se tratase da mesma porta que dá entrada a unha Galicia chea de tradición e cultura, e receptiva do que por ela entra.
Un disco que contén o folk entendido do xeito mais tradicional como o própia peza que dá nome o traballo Alalá do Cebreiro. O medievo musical galego tamén está presente neste disco co tema “Canto das Chirimías da Catedral de Santiago” interpretada pola laureada “Coral de Ruada” onde reviven as chirimías e o organistrum, instrumento do Pórtico da Gloria. As composicións de autor tamén teñen un oco neste traballo, musicando poemas de Rosalía de Castro e Ramón Cabanillas.
“Alalá do Cebreiro” recolle tamén pezas con ritmos foráneos que xa forman parte do noso sentir musical. E como non podía faltar en terras ourensans, unha banda de gaitas, a Banda de Gaitas de O Barco, acompañan ao grupo no peche, o que pretende ser un disco homenaxe ao legado da cultura galega arroupado coas singulares e marabillosas voces femininas galegas de Uxía Senlle, Sonia Lebedisnski, Laura Amado e Mónica de Nut.
Reseñas
Aínda non hai valoracións.